A Xunta salienta o seu compromiso co cooperativismo para dinamizar e modernizar o rural na visita da secretaria xeral de Emprego a Strelia.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou as instalacións de Strelia Electrotecnia onde resaltou a labor da cooperativa no desenvolvemento, fabricación e implantación de produtos e sistemas electrotécnicos e onde puido coñecer, de primeira man, os nosos traballos e proxectos, en colaboración con outras empresas, en áreas como a oceanografía, a transformación agro-forestal, as ciencias da terra ou os nosos servizos no campo das telecomunicacións, e onde destacou a importancia de proxectos cooperativos e de economía social, coma o de Strelia, para seguir dinamizando e modernizando o rural galego.

Na visita guiada, a secretaria xeral coñeceu da man dos membros da cooperativa os principais proxectos nos que está a traballar Strelia na actualidade, así como tamén dun pequeno percorrido pola historia e experiencia da entidade, dende o seu nacemento no ano 2013.

Durante o encontro tamén se dou conta á secretaria das principais necesidades e dificultades das pemes da economía social do sector tecnolóxico (TIC), á hora de obter financiamento para proxectos de innovación (I+D+i), ao acceso de instrumentos para a contratación de novo persoal, ou en materia de formación dos socios-traballadores, entre outras.

A equipa de Strelia agradeceu a preocupación da Secretaría Xeral pola situación das entidades da economía social do sector tecnolóxico, e en particular polas pequenas e medianas empresas, e a súa boa disposición para resolver con atención as cuestións que preocupan nestes ámbitos.

 


Nova orixinal: Xunta de Galicia (notas de prensa).