Strelia Electrotecnia incorpórase a AGASOL (Asociación de empresas galegas de software libre). Alén de sermos unha cooperativa usuaria e en prol do software libre, Strelia ven desenvolvendo con éxito proxectos de electrónica profesional no ámbito de hardware libre, OSH (Open Source Hardware).
Dende a perspectiva da electrónica profesional, o hardware libre non só é útil, senón que é un recurso de máxima eficiencia no desenvolvemento de novos produtos e solucións para a nosa clientela. Ben sexa con elementos do universo Arduino, ou con procesadores mais potentes como as versións industriais de RaspberryPi e semellantes, ou mesmo co agromar das FPGAs libres, as solucións de electrónica de control, telemetría, IoT, Industria 4.0, sensorización, telecomunicacións, etc, son claramente mais competitivas e fiábeis artelladas no mundo da electrónica aberta.
Agasol albisca que o hardware libre é unha filosofía gañadora e que está a entrar con forza na industria, mesmo mais do que se percibe. A acollida de Strelia está a ser moi boa; partillando novos retos, anovando forzas e enxergando novas perspectivas no colectivo. A través de Agasol Strelia intégrase tamén na federación estatal Asolif.