A boia oceanográfica Bares, desenvolvida por Hércules e Strelia, ven de ser escollida como finalista aos premios do Cluster TIC na modalidade de mellor proxecto de tecnoloxías libres (HW e SW). Podes votar aquí polo noso proxecto. Só hai un día para votar!!!!


BOIA BARES
MONITORIZADO OCEANOGRÁFICO DE ONDAS, DIRECCIONAL E DE ALTA PRECISIÓN.

Hércules Control, S.L.
Strelia Electrotecnia, S. Coop. Galega

A boia Bares é un sistema flotante de monitorización de ondas en tempo real baseado na última tecnoloxía de sensores inerciais. Lanzou-se ao mercado en 2018 e conta xa con instalacións piloto e comerciais operativas en diferentes partes do mundo (Galiza e Portugal, Azores, Centroamérica). O sistema integra elementos de hardware libre como Arduino, reformulados por Strelia para as exixencias oceanográficas de mui baixo consumo e alta fiabilidade. Por parte de Hércules, a súa equipa de software integrou sobre unha plataforma Linux o procesamento dixital de sinais e unha arquitectura de comunicacións e xestión de altas prestacións con paquetes de software libre afinados para esta misión.

Bares é un sistema oceanográfico profesional para a medición direccional e espectral de ondas con alta resolución, con baixos custes de instalación e mantemento, en boa medida derivados da innovadora integración e adaptación de elementos de hardware e software libre. Con esta achega de Hércules en parceiría con Strelia, posibilítase por primeira vez o despregue de redes sostíbeis e con datos de alta calidade necesarios para o sector marítimo en campos como a mellora na predición do tempo oceanográfico e o estudo do clima, seguridade na navegación e operación portuaria, series temporais para obra civil, aproveitamento enerxético mariño, etc.

Un dos impulsores do proxecto é Xulio Fernández Hermida, socio fundador de Hércules e incansábel fomentador das tecnoloxías libres desde a Escola de Telecomunicacións da Univ. de Vigo, e tamén -como neste caso- desde a iniciativa privada. O seu esforzo ve agora a luz, entre outros, neste caso de éxito que opera profesionalmente en diferentes mares do mundo. Demostra-se tamén o altísimo nivel de competitividade técnica e económica desta solución deseñada na Galiza e baseada en cultura libre, fronte ás poucas solucións privativas equivalentes que até agora se importaban doutros países a prezos mui superiores e com menor calidade de datos e dificultade de mantemento.

A colaboración entre Hércules e Strelia xestionouse tamén ao abeiro de ferramentas de software libre como Redmine, e empregando paquetes de oficina técnica libres ou gratuítos como SparkDesign, SketchUp, LibreOffice, Thunderbird, Eclipse, etc. dando como resultado un produto de oceanografía moi eficaz e innovador, que está a ter unha resposta positiva na comunidade internacional. A solución Bares foi presentada en 2018 na feiras sectoriais mais importantes do mundo com mui boa acollida e das que se derivan novas operacións comerciais en marcha con distintas entidades públicas e privadas de diferentes países.

Máis info en: Hércules Control (ficha proxecto) e Strelia Electrotecnia (ficha proxecto).

5 de febreiro de 2019